A Asociación de Mulleres O Abeiro proxectará o 14 de novembro ás 20h na biblioteca de Marín '100% CEF', unha longametraxe documental froito da edición e a montaxe de case cen horas de gravación con entrevistas, colaboracións artísticas, lecturas de poemas e música que axuda a debuxar un retrato contemporáneo e pouco académico de Celso Emilio Ferreiro, 100 anos despois do seu nacemento.
Este traballo audiovisual, escrito e dirixido polo celanovés Aser Álvarez e con Luís Tosar no papel de Celso Emilio, foi gravado en Celanova, Acebedo, Vigo, Pontevedra, Santiago, Asturias e Ourense. Este traballo promovido por Arraianos e coproducido con Asombra.
Ao longo do documental Celso Emilio Fereiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979) é (re)construído a través de entrevistas con familiares, expertos, historiadores, literatos, amigos e grazas á participación de persoas anónimas e coñecidas que recitan, len, rapean e cantan os seus poemas, demostrando que CEF é un dos poetas máis populares de Galicia. "É un documental biográfico pero que non aspira a abarcar toda a súa vida e obra, senón que se trata dun exercicio interpretativo onde damos voz a xente moi diversa e heteroxénea", asegura o director, guionista e produtor executivo, Aser Álvarez. Este traballo audiovisual, que conta con Luís Tosar no papel de Celso Emilio, pechou os actos do Centenario de CEF.
No hay comentarios:
Publicar un comentario