domingo, 29 de junio de 2014

Excursión do Abeiro

:
Día: 29 de xuño
Hora: 9:30
Saída: Diante da porta da Escola Naval
Organiza: Asociación de Mulleres o Abeiro
A Asociación de Mulleres O Abeiro para celebrar a clausura do curso 2013/2014 organiza unha excursión, dentro do programa da Deputación "Coñece a túa provincia, ás terras do Deza.
A excursión que sairá ás 9:30 da mañá de diante da Escola Naval de Marín ten un custe de 10€ por persoa que inclúe a viaxe e o xantar.
As persoas participantes gozarán dunha visita ao fermoso Pazo de Oca, ao Mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa.
O regreso a Marín está programado para as 19h.

Club de lectura "As rulas de Bakunin"

 
Día: 27 de xuño
Hora: 18H
Lugar: Cámara Agraria de Marín
Organiza: Asociación de Mulleres o Abeiro
A Asociación de Mulleres O Abeiro celebra o venres 27 de xuño ás 18h a última sesión do seu club de lectura deste curso co libro “As rulas de Bakunin” de Antón Riveiro Coello. A Asociación de Mulleres o Abeiro convida a todas aquelas persoas amantes da literatura a que participen no club de lectura e lembra que a asociación dispón dunha pequena biblioteca a disposición das súas socias.
Antón Riveiro Coello percorre nesta fascinante novela o pasado século XX, o agrarismo, a República, a guerra civil, a represión, a emigración e a democracia da man dun vello militante anarquista, Camilo Sabio Doldán, que nos conta a súa historia, misturando o tempo actual coa súa nenez, a súa xuventude e a súa madurez e a historia de España nesa época.
As rulas de Bakunin nace do gromo da sensibilidade dos derrotados e os perdedores. Antón Riveiro Coello, un dos escritores galegos actuais de meirande pulo narrativo, fai con esta novela un acto restitutorio e tamén de rebeldía.
O libro editado por Galaxia no ano 2000 xa   foi traducido e editado en portugués As rolas de Bakunine (Deriva, 2006)- , ao castelán - Los hijos de Bakunin (Ediciones El Andén, 2008) -  e ao italiano - I figli di Bakunin (Edizioni dell Urogallo, 2009).

Festa de San Xoán

 
Día: 23 de xuño
Hora: 13H
Lugar: Multiusos da Praza de Abastos
Organiza: Asociación de Mulleres o Abeiro
A Asociación de Mulleres O Abeiro organiza o luns 23 a partir das 13h unha pequena festa para celebrar o San Xoán.
Na festa que terá lugar no multiusos da praza de abastos de Marín haberá unha actuación do grupo de música tradicional Os Chaneiros, unha degustación de empanadas e petiscos, ademais da entrega dun recordo a todas e todos os asistentes á festa.

Vermouth literario Xente de aquí e acolá

Día: 28 de xuño
Hora: 13H
Lugar: Local da Cámara Agraria
Organiza: Asociación de Mulleres o Abeiro
O Club de lectura da Asociación de Mulleres O Abeiro clausurará a tempada cun vermouth literario na Cámara Agraria de Marín este sábado, 28 de xuño, a partir das 13h.
A actividade está pensada para compartir a palabra, reflexións e vermouth ao redor da obra de Alvaro Cunqueiro, "Xente de aquí e acolá" nun espazo tan singular.

Exposición do taller de manualidades do Abeiro


Día: 20 de xuño
Hora: 19H
Lugar: Multiusos da Praza de Abastos
Organiza: Asociación de Mulleres o Abeiro
O venres 20 de xuño a partir das 19h a Asociación de Mulleres O Abeiro inaugurará a exposición de todos os traballos feitos durante este ano no seu taller de manualidades.
As persoas que asistan ao acto ademais de ver os traballos realizados poderán gozar dunha tarde de música e degustación de petiscos.